Friday 03 de May de 2024

Iniciativa pioneira que sirve para celebrar o Día Mundial do Autismo


Medio cento de pictogramas na Casa do Concello permiten orientar ás persoas con autismo polas dependencias municipais
Co gallo da conmemoración mañá sábado 2 de abril do Día Mundial do Autismo, o Concello de Riveira acaba de poñer en marcha unha iniciativa pioneira na nosa comarca consistente na instalación de pictogramas nas distintas oficinas, despachos e dependencias da Casa do Concello co fin de que as persoas con este trastorno poidan guiarse polo edificio.

Para a posta en marcha desta acción contouse coa colaboración da asociación Amicos, da cal acudiron un grupo de usuarios ata o Concello, o que permitiu comprobar in situ a eficacia destes elementos (arredor de medio cento) á hora de identificar onde está o ascensor, o despacho do alcalde, o departamento informático ou a sala de concelleiros, por poñer varios exemplos.

Recepción
Esta visita serviu tamén para que foran recibidos polo alcalde Manuel Ruiz quen lles amosou o seu despacho e logo mantivo unha conversa con eles e os seus coidadores no salón de plenos.

Esta non é a primeira iniciativa que leva a cabo o Concello de Riveira na adaptación de espazos ás persoas con autismo, pois xa o ano pasado se inaugurara na parroquia de Carreira a primeira ruta de sendeirismo de Barbanza apta para persoas con este trastorno, que tamén conta con pictogramas identificativos.